28 ene 2013

Día escolar da non violencia e a Paz





Temos o pracer de convidarvos, o vindeiro Mércores día 30 de Xaneiro, a celebración do Día escolar da non violencia e a Paz.
Para festexar o acto ofreceremos un concerto no cal a nosa profesora de violoncello, Cristina Nogueira, participará como solista xunto con outros profesores e alumnos do centro. Agardamos a vosa presenza.
Velaquí o programa:





Gaspar Cassadó
Suite para violoncello solo

Prelude (Fantasía)
Sardana
Intermezzo e danza final

 Friedrich Gulda

 Concerto para violoncello e orquestra de ventos

Overture
Idylle
Cadenza
Menuett
Finale alla marcia






25 ene 2013

A difícil tarefa de celebrar a Paz

Non resulta doado celabrar a paz. Malia todo, un ano mais, educadores, alumnos, nais e pais, implicámonos nesta tarefa e colaboramos para lembrar esta brevísima pero inmensa palabra. Unha palabra, Paz, que foi perdendo e degradando o seu profundo significado e xa só nos queda dela, no maxín, a ben coñecida imaxe da pomba coa pola de oliveira no peteiro. A Paz, nos paises chamados desenvolvidos coma o noso, é un concepto de pouca actualidade, non é noticia. Certo é que afortunadamente, a xente non vai armada pola rúa, como noutras, non tan lonxanas, rexións do mundo. Non tiran bombas, non fuxe a poboación do terror dos exércitos invasores, non arrasan os campos de labor sementando a fame e a miseria... Lembramos a Paz doutros lugares coma se nós non tivésemos a necesidade de facelo por nós mesmos. Pero a Paz non é tan só a ausencia da guerra.
Nos, os maestros, os alumnos, as nais e pais, queremos celebrar, lembrar e demandar a Paz de todos, a Paz cotiá ,a Paz que non aparece nos informativos e nos xornais. Esa é a Paz do cidadán que non acouga na busca dun traballo, a Paz do que traballa hoxe e non sabe si mañá terá sustento, a Paz dos pais que perden o fogar dos seus fillos pola cobiza dos fortes, a Paz da muller sometida, do doente, a Paz dos nosos vellos, a Paz dos nosos nenos... Dicía ao principio que non resulta doado celebrar a Paz. Seica é sinxelo debuxar a pomba branca e festexar, mais a tranquilidade profunda, a ledicia de unir todos as nosas mans en igualdade e solidadridade é un soño que ainda está por chegar. Por iso, nós, que temos o privilexo de comunicarnos nunha linguaxe tan universal e sen fronteiras, como é a música, imos festexar a Paz, e imos levar a mensaxe no ar coas ferramentas pacificadoras e fermosísimas que outros, con este mesmo desexo, puxeron nas partituras para nós e para vós. Temos o pracer de convidarvos a escoitar e gozar, o vindeiro Mércores, deste manifesto musical, lembrando xuntos, máis ca nunca, que a Paz é moito máis. Moito, moito máis.