20 oct 2014

Interpretando mazás

Si, unha mazá é simplemente unha mazá. Por outro lado, se lle preguntásemos a alguén que é unha mazá, a maior parte da xente responderíanos que é unha froita. Pero se lle preguntásemos a un biólogo nos precisaría que é unha froita pomácea comestible. Se a pregunta fose dirixida a un froiteiro, diríanos que é un termo moi xeral, que se a reineta, que se a golden...Un físico vería unha esfera achatada polos polos, algo así como a terra e non deixaría de mencionar a Newton e a gravidade. Esta resposta sería sen dúbida diferente no caso dun relixioso para o que a mazá é o símbolo da orixe do pecado por mor de Adán e Eva. Se continuásemos infatigablemente na nosa busca da mellor resposta a que é unha mazá, poderíamos falar con pintores que nos ilustrarían sobre a importancia desta froita nos bodegóns, así como das infinitas tonalidades posibles da cor verde. Sen dúbida, os afeccionados aos contos recordaríannos que a mazá foi a perdición de Brancaneves e pola contra os informáticos seguidores de Steve Jobs insistirían en que é o elemento identificativo do mellor ordenador. Os máis viaxados non deixarían pasar a ocasión de volver contar por enésima vez a súa viaxe á "gran mazá" tras cruzar o charco. Os anglófilos devolveríannos a pregunta dicindo, " sabías que a noz da garganta se chama en inglés "Adam's apple? “.

Pois ben, todos estas persoas terían que renderse á evidencia de que se ao que lle preguntásemos fora un neno, nos respondería que simplemente é unha froita. Ademais este neno seguro que tería claro se lle apetecería comer unha determinada mazá ou non. Chegado a este punto, a miña acientífica, ignorante e atrevida explicación do dito anteriormente é que un neno aínda non chegou a estar tan condicionado polas súas experiencias e xulga as cousas dun xeito simple, sen condicionar e global.
Traslademos este exemplo á música. Onde antes falabamos de mazás agora falemos de música e empecemos a pensar en exemplos con distintas ópticas ou achegamentos a calquera música por parte de diferentes persoas/gremios. Sen dúbida un instrumentista, cando oe ou toca unha peza na que soa o seu instrumento presta unha atención máxima ao timbre e sonoridade do propio instrumento. É dicir ás súas dinámicas, articulacións e demais cuestións técnicas do instrumento en cuestión. Posiblemente se esta mesma peza leva un acompañamento de piano, este acompañamento sería o foco de atención de calquera pianista que escoitase tal música. Continuando coa idea, un compositor non poñería tanta atención a estas cuestións instrumentais ou terreais. Un compositor aplicaría os seus cinco sentidos a escoitar, entender e gozar o verdadeiro sentido da composición, da obra; véxase melodía, forma, celulas rítmicas, contrapunto, etc. Pola súa banda, un especialista en harmonía pola súa banda, poñería a lupa na formación de acordes, os seus enlaces, cadencias e as modulacións tonais. No club dos raros poderiamos falar daquel afinador de pianos que valoraría se os seus servizos deberían ser requiridos ou non; tamén habería algún experto en acústica que se formularía se o auditorio ten un exceso de "rever" ou se se necesitaría algún panel reflector. Tamén poderiamos acusar de raros o musicólogo que reflexionara sobre a época e situación histórica daquelas melodías e mesmo poderiamos chegar a cuestionar o propietario do selo discográfico, agora caído en desgraza, que estaría a taxar a canto podería ir o quilo de semicorcheas daquela música.

Se queremos seguir aventurandonos no vasto e ignoto territorio da hipótese creativa, poderiamos chegar a imaxinarnos un físico traducindo a música en frecuencias, lonxitudes de onda e ecuacións indescifrables. Aínda así, sería discutible se ese físico sería tan raro como o médico ao que escoitar a música pensase na grandeza do oído humano e en quen lle tería posto aqueles nomes tan ridículos de estribo, bigornia, cóclea e non sei que máis.

Chegados a este punto, debemos de explicar este paralelismo entre mazás e música e buscar a conexión entre ambas as dúas ideas. Este paralelismo pretende facernos reflexionar sobre que, en ambos os dous casos, as persoas tendemos a ver, valorar e xulgar as cuestións a partir da nosa propia óptica e experiencia. No caso da mazá todos estes estrambóticos e esaxerados puntos de vista enunciados previamente, contrastan coa figura do neno que simboliza o espontáneo e o natural. O neno ve a mazá na súa globalidade e ademais dun xeito "aparentemente intuitivo" sabe se lle gusta ou non. No caso da música, todos estes puntos de vista parciais dos intérpretes, compositores, etc, tamén contrastan cun público que escoita a música como un todo e en xeral, non analiza todos estes aspectos do feito musical. As persoas que escoitan un concerto non necesitarán unha reflexión profunda e analítica para saber se lles gustou o que oíron.

Esta reflexión condúcenos entón a valorar cal é o papel dun verdadeiro intérprete. A conclusión é que sería desexable que o intérprete estudase unha partitura dende todos os puntos de vista anteriormente mencionados e outros por citar. Todos estes distintos achegamentos a unha música conduciríano a coñecer e entender mellor unha obra nos seus distintos aspectos. Sen dúbida será enriquecedor oír a opinión do froiteiro, tamén do musicólogo que situara a obra no seu contexto, do dietista que explique sobre de vitaminas e antioxidantes, do compositor e ata do verme da mazá de ser o caso!. E o que sería aínda mellor, sería que este intérprete global fose aprendendo de todos eles e converténdose el mesmo nun pouco froiteiro, un pouco físico, algo pintor e que sobre todo, sobre todo... que non deixase tamén de ser neno.

Con toda esta bagaxe, con todos estes puntos de vista, con esta visión calidoscópica, poderiamos realmente chegar a ter unha estudo profundo, fundamentado e enriquecedor sobre a música. O curioso do asunto, é que este achegamento multitarefa a unha realidade musical, finalmente se debería de traducir nunha interpretación unívoca e clara que se ofrecerá a un público que non necesita distinguir as costuras deste máxico conglomerado. Non obstante, o oínte como xa se díxo, saberá perfectamente se gozou ou non da interpretación.

Para aqueles devotos do twitter que a estas alturas estarán a dicir que todo isto se podería resumir en: "os intérpretes deben estudar a música afondando nos seus distintos aspectos para así poder ofrecer unha interpretación coherente e completa que o público valorará dun modo máis natural"

Repito, para aqueles devotos do breve e do twitter que presumen de que todo se pode resumir nos seus 118 carácteres twitteros, direilles que toda a música occidental está escrita con só sete carácteres!.

E falando de ti... ti que pensas cando ves unha mazá?. Se a partir de hoxe e despois de ler isto, cando vexas unha mazá pensas en música, se cando vexas no futuro unha mazá pensas no complexo e creativo da arte da interpretación, se pensas iso... entón eu de ti preocuparíame. Aínda Que iso si, grazas!


Pablo Coria
Profesor de Frauta Traveseira do Conservatorio Profesional "Xoán Montes" de Lugo

15 oct 2014

Informe do IGE sobre a lingua galega

 A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria valora positivamente a información do Instituto Nacional de Estadística (INE) relativa á lingua galega que fixo público o Instituto Galego de Estatística (IGE) no seu web www.ige.eu. Trátase de datos sobre coñecemento e uso do galego extraídos do Censo de Poboación e Vivendas do INE, que revela que un 89,1% da poboación usa o galego en maior ou menor medida na súa vida diaria. Esta porcentaxe obtense da suma de quen o usa en exclusiva (un importante 43,8%) e quen o usa a carón do castelán (45,3%) e supón un incremento de dous puntos con respecto ao obtido na mesma enquisa no ano 2001.
Uso e coñecemento do galego
A comparación dos datos do 2011 coa mesma fonte do ano 2001 revela un aumento das persoas que se desenvolven habitualmente nas dúas linguas cooficiais de Galicia. Así, son cada vez máis numerosas as persoas que se expresan de xeito natural e espontáneo en calquera das dúas linguas, por considerarse con competencia para facelo, o que consolida tendencias que se viñan presentando noutras enquisas anteriores.
En canto aos datos de coñecemento da lingua propia de Galicia, revelan, en liña con outros estudos previos, que a comprensión do galego é case universal (98,6%) e que máis do 90% da poboación (90,8%) se encontra a si mesma capacitada para falalo. A pesar do incremento considerable da inmigración que se produciu entre os anos 2001 e 2011 (con 77410 persoas estranxeiras máis), a porcentaxe de poboación que declara saber falar o galego mantense practicamente nas mesmas porcentaxes neste período.