24 mar 2014

70 anos do "Sempre en Galiza"


O 10 de marzo de 1944, Edición As Burgas, dependente do Centro Ourensán de Bos Aires publicaba un dos libros máis influentes do século XX galego: Sempre en Galiza.
Anteportada e portada o libro.
Anteportada e portada o libro.

Considerada a biblia do galeguismo, a obra, dividida en catro partes e con dedicatoria a Alexandro Bóveda, recolle unha escolma de artigos que Castelao viña escribindo xa desde 1935, cando o goberno lerrouxista o enviara ao desterro en Badaxoz, e que aparecen publicados so o epígrafe "Adro". As outras tres partes aparecen situadas en Barcelona e Valencia en 1937 ("Libro Primeiro"); Nova York e Atlántico de 1940, ("Libro Segundo") e Bos Aires, 1943, ("Libro Terceiro"). Posteriormente, na segunda edición da obra de 1961, engadiríaselle un "Libro Cuarto" que contén textos escritos de 1944 a 1947 en Bos Aires, entre eles, a célebre "Alba de Groria" que se pode consultar aquí. [PDF 4.2Mb]

A natureza fragmentaria do libro e o seu delongado período de composición nun tempo histórico moi convulso que abrangue desde a II República, e a Guerra Civil española ata a posguerra no exilio americano, fan do Sempre en Galiza, máis que unha obra teórica de carácter unitario, unha miscelánea de textos de variada tipoloxía que van reflectindo a evolución do seu autor, e que están guiados, ideoloxicamente, por dous obxectivos estratéxicos: "a liberación nacional de Galicia e a emancipación socioeconómica do campesiñado galego" (Beramendi e Máiz, 1992).

17 mar 2014

Presentación na Academia de 'Martin Codax. Bañarnos emos nas ondas'

Nesta obra, editada conxuntamente pola Real Academia Galega, o Parlamento e a Xunta de Galicia, recóllense as sete cantigas de Martin Codax publicadas hai un século polo libreiro Pedro Vindel.


O título completo da obra, con edición a cargo do secretario da Academia, Henrique Monteagudo, é Martin Codax. Bañarnos emos nas ondas! As sete cantigas / O Pergamiño Vindel, e á súa presentación asistiron -ademais de abondosos membros numerarios e persoeiros da cultura galega- a presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo; o presidente da Academia, Xesús Alonso Montero; o conselleiro de Educación, Cultura e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad; o secretario desta corporación, Henrique Monteagudo; os secretarios xerais de Cultura e Política Lingüística, Anxo Lorenzo e Valentín García Gómez respectivamente, e o membro honorario Giuseppe Tavani, autor, así mesmo, dunha introdución preliminar a esta obra.

O primeiro en tomar a palabra foi o presidente da Academia, Xesús Alonso Montero, quen na súa intervención trazou un perfil biográfico do libreiro Pedro Vindel (1865-1921), e do proceso de descuberta e publicación en 1914 das sete cantigas de Martin Codax no que participou tamén o erudito pontevedrés Víctor Said Armesto, primeiro titular no estado español dunha cátedra de literatura medieval galego-portuguesa.

O secretario da Academia e editor da obra, Henrique Monteagudo
, comezou o seu discurso salientando a necesidade de pór en valor e espallar o coñecemento da nosa tradición literaria: "Con esta edición queremos chamar a atención sobre o valiosísimo tesouro que constitúe a nosa lírica medieval", e proseguiu a súa alocución facendo unha descrición dos aspectos máis relevantes da publicación presentada onte na Academia, e que consta de varios textos introdutorios, traducións a oito linguas, reproducións facsimilares das versións conservadas no Cancioneiro da Biblioteca Nacional de Lisboa e na da Vaticana, así como dun disco compacto coas interpretacións musicadas das cantigas de Martin Codax seguindo a notación musical conservada no Pergamiño Vindel.

"O que me chamou a atención sobre as Cantigas de Martin Codax foi a interpretación que deste texto fixo o gran lingüísta Roman Jakobson, quen aplicou un método de análise estruturalista, baseado na identificación dos elementos recorrentes, completamente ineficaz na interpretación deste tipo de composicións que se basea precisamente na iteración e nos paralelismos", con esta confesión principiou a súa lectura o profesor Giuseppe Tavani, membro honorario da Academia. Para este estudoso, as Cantigas de Martin Codax deben ser lidas como un "macrotexto" , un conxunto unitario no cal cada unha das cantigas forma parte dun discurso narrativo máis amplo no que se expresa un "desexo frustrado" da narradora protagonista: o do regreso do amante ausente.


O conselleiro de Educación e Cultura, Xesús Vázquez, definiu as cantigas de Martin Codax como 
"raíz primixenia da nosa cultura" e destacou ademais a súa potencia literaria: "aquí a palabra revélase cunha enerxía capaz de transmitir emocións que non caducan". O conselleiro rematou o seu discurso afirmando a necesidade de festexar o centenario da publicación do único texto que conserva a melodía que acompañaba o recitado das cantigas de amigo: "estes bens literarios deben seguir sendo interpretados colectivamente", concluíu.
Pola súa parte, a presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, manifestou a súa satisfacción pola publicación desta obra froito da colaboración entre a institución que preside, a Academia e a Xunta de Galicia: "Sen dúbida, unha conmemoración conxunta das tres institucións contribúe a realzar a importancia literaria da obra de Martin Codax e do valor que a tradición neotrobadoresca ten como patrimonio cultural do maior relevo non só para Galicia, senón para España e a civilización europea no seu conxunto". E rematou o seu discurso expresando a súa vontade de seguir mantendo no futuro a colaboración entre o Parlamento e a Academia.
A interpretación, por parte do Grupo de Música Antiga Martin Codax, das sete cantigas deste autor e outras pezas do seu repertorio na Igrexa de Santiago púxolle o ramo á xornada dedicada á conmemoración do primeiro centenario da publicación do Pergamiño Vindel.



10 mar 2014

Música no día das mulleres

Este luns día 10 as 20h no Auditorio do Conservatorio, faremos o concerto que conmemora o Día Internacional da Muller. Un grupo de profesores e profesoras poñerá a música que vai de J.S.Bach a Schumann, pasando por Donizetti, Bellini, Mahler, e Richard Strausss.
Na vidreira do corredor do primeiro andar de camiño o  auditorio podedes visitar unha exposición de carteis que baixo o lema "A unión fai a forza" presentamos oito grupos de mulleres pioneiras na loita por un lugar no mundo que vai dende das monxas do mosteiro de Ramirans as abadesas de Sobrado de Trives pasando polas mulleres das Encrobas ata as intelectuais do Seminario de Estudos  Galegos, que coa súa unión fixeron posible acadar cotas de poder impensables, foron quén que defender a terra que cultivaban ou a desenvolver as súas capacidades intelectuais nun mundo no que o papel da muller era moi limitado fora do ambito familiar.
Unha pequena guia explica as circunstancias de cada un dos grupos que forman a exposición.