25 abr 2016

Novos lanzamentos reivindican a figura de Manuel María 
Unha biografía e un libro-DVD súmanse ás propostas arredor do poeta chairego





A memoria que os seus amigos e coñecidos teñen sobre Manuel María serven de eixe aos dous proxectos que se acaban de presentar sobre o poeta chairego. Toxosoutos edita Manuel María. Reencontrado, un libro no que Xosé Lois García parte da súa vivencia persoal co autor homenaxeado no Día das Letras deste ano para abordar o escritor a través da súa relación coa Ribeira Sacra e a recuperación artigos previos e material sobre o mesmo. Pola súa banda Margarita Ledo acaba de presentar Manuel María. Eu son fala e terra desta miña terra, un libro DVD no que se recolle o documental de 2005 que realizou sobre o poeta. Editado pola produtora Nós, o volume recolle textos de Miguel Anxo Fernán Vello, Paulino Pereiro, Carme Vidal, Darío Xohán Cabana e Margarita Ledo que abordan desde diferentes perspectivas a figura do homenaxeado. No documental, a propia voz de Manuel María serve para integrar imaxes de diferentes épocas nun percorrido pola vida, a obra e as ideas do autor. 


Fonte da información: Culturagalega.org

16 abr 2016

O xermolo das Irmandades da Fala que plantou Villar Ponte cumpre un século
Do artigo «El cimiento de la afirmación gallega» naceu a organización galeguista
O xermolo do que naceu esta organización plantouno hai un século, Antón Villar Ponte (Viveiro, 1881-A Coruña, 1936), cun artigo, curiosamente, o texto estaba escrito en castelán, levaba por título El cimiento de la afirmación gallega.


As ideas do Provincialismo e do Rexionalismo tiñan o seu eco nesta proclama e así, o 18 de maio de 1916, nunha reunión na Real Academia Galega, acórdase a creación da Irmandade dos Amigos da Fala. A Nosa Terra, nesta segunda época, presentábase como "O boletín, o vocerio do ideario das Irmandades da Fala en Galicia e nas colonias galegas de América e de Portugal"

As Irmandades da Fala creáronse para a defensa, dignificación e cultivo do idioma; a primeira das Irmandades fúndase na Coruña en 1916. Séguena outras repartidas polas principais cidades e vilas de Galicia (Ferrol, Ourense, Betanzos, Santiago..). Para difundiren o seu ideario editaron unha publicación periódica totalmente en galego: A Nosa Terra. Os seus membros máis salientables foron os irmáns Vilar Ponte, Losada Diéguez, Vicente Rísco, Ramón Cabanillas, etc.


 
En 1916 na casa número 38 da rúa Real (A Coruña) dos irmáns Antón e Ramón Vilar Ponte créanse "As Irmandades da Fala" Cortesía de Foto Blanco

En 1918 celebran a "I Asamblea Nazonalista Galega" que tivo como conclusións a reivindicación da autonomia integral, a oficialización da língua e o pedimento de inclusión de Galicia na Sociedade de Nacións de Xenebra. 
No ano 1920, o 25 de xullo, celébrase por primeira vez o DÍA DE GALICIA. Vicente Risco expresou daquela que o día do Apóstolo constituía a festa da Patria Galega, a festa nacional de Galicia. Os días 30 e 31 de agosto, no Balneario de Mondariz, a Real Academia Galega recibe como membros a Rei Soto e a Ramón Cabanillas.
Xa no século XVIII, xorden as voces de denuncia dos chamados "ilustrados", que demostran a súa inquedanza polo subdesenvolvemento de Galicia e ofrecen propostas renovadoras da vida económica, social e cultural. Créanse organismos como as Sociedades Económicas de Amigos do País e a Academia de Agricultura do Reino de Galicia.

Entre este minoritario grupo de intelectuais, despunta con forza a figura do Padre Frei Martín Sarmiento, personaxe polifacético (naturalista, linguista, bibliófilo...) que defendeu o uso do galego no ensino, na Administración e na Igrexa, isto é, a súa normalización como língua propia dos galegos. O contexto socio-político contrasta coa prolífica actividade cultural. A sociedade galega dos comezos do XX seguía a se caracterizar pola concentración do poder económico en sectores minoritarios, por un sistema agrícola aínda feudal e por unha crecente emigración que ía baleirando o país.

Aparecen asociacións agrarias que canalizan as protestas sociais e acadan gran resonancia no campesiñado, como foi o caso da "Liga Agraria de Acción Gallega".




As Irmandades promoveron a elaboración de diccionarios e gramáticas,de estubios linguísticos e reivindicaron a presencia do galego na Administración e no ensino. Déronlle pulo á actividade editorial nas principais cidades galegas: Céltiga en Ferrol, Lar na Coruña,Alborada en Pontevedra, e moitas outras,ademais de frecuentes seccións en galego na prensa en castelán. Neste contexto aparece a revista Nós, da man de V. Risco, Otero Pedrayo e Florentino Cuevillas, que conforman o coñecido "Grupo Nós". A eles lígase a figura de Afonso Daniel Rodríguez Castelao.
 Os membros de "Nós", cunha ampla formación intelectual, marcan como finalidade a eliminación do lastre folclorista da cultura galega, mediante a súa actualización, normalización e universalización. A revista contaba coa colaboración de autores estranxeiros (portugueses, irlandeses, cataláns, franceses...), que a poñían en contacto coas correntes europeas, ademais de traduccións variadas e artigos, tanto de carácter científico (arqueoloxía, etnografía, antropoloxía, socioloxía...) coma literarios.

A obra literaria destes intelectuais, que recuperan campos como o ensaio, outórgalle á prosa galega un grao de desenvolvemento pleno e integra a nosa cultura no contexto europeo: Arredor de si, Devalar ou Os camiños da vida, de Ramón Otero Pedrayo e Os europeos en Abrantes e O porco de pé, de Vicente Risco, son títulos que forneceron a nosa literatura de novas técnicas de creación que se estaban a desenvolver na literatura europea incorporándolle temáticas universalistas, lendarias e exóticas, urbanas e pensamentos filosóficos.

A feble tradición do xénero dramático recibiu un pulo coa creación, desde as Irmandades, do Conservatorio Nacional de Arte Galega, en 1919, que logo pasa a ser Escola Dramática Galega.
Os movementos europeos de vangarda inflúen de maneira importante na producción poética galega. Os autores da chamada "Xeración do 25", (Manuel Antonio, Amado Carballo, Bouza Brey) demostraron unha grande vontade de orixinalidade creativa, que pasa polo enfrontamento aberto coas formas tradicionais de poesía.

Merece mención á parte a figura polifacética de Castelao, clásico da literatura 
                                                                                            

  

galega en tódolos xéneros que cultivou: novela, teatro, narrativa breve e ensaio político (Sempre en Galiza, obra mestra do pensamento nacionalista galego) e outros titulos que reflicten conxuntamente a súa capacidade como debuxante e literato. A figura de Castelao entraña unha grande significación política plasmada na súa obra ensaística e na súa participació nactiva e directa na política do país (foi deputado da República nas filas do Partido Galeguista).

En 1931 créase o Partido Galeguista,que consegue a aprobación do Estatuto de Autonomía de Galicia, no que a língua galega adquire por vez primeira o recoñecemento de "idioma oficial de Galicia". Este logro importantisimo non chegou a ter aplicación na práctica por mor do estoupido da Guerra Civil (1936), que supuxo o principio da máis crúa etapa para as línguas minorizadas do Estado español.

Fontes de información: 
CRTVG, www.crtvg.es (Esp. Día das Letras Galegas) www.diadasletrasgalegas.com
www.galicia.swred

15 abr 2016

Primavera das Letras

A Real Academia Galega pon en marcha o proxecto web Primavera das Letras
O CEIP Curros Enríquez da Coruña acolleu opasado día 11 a presentación de Primavera das Letras. A Real Academia Galega presentou na biblioteca deste colexio do barrio coruñés de Monte Alto, no que Manuel María viviu a derradeira etapa da súa vida, este novo proxecto pensado para fornecer o profesorado, a través das novas tecnoloxías, de recursos didácticos que permitan traballar os contidos educativos relacionados co Día das Letras Galegas alén dos días previos ao 17 de maio e desde unha perspectiva interdisciplinar. 

Membros da Academia, profesorado, alumnado do CEIP Curros Enríquez, Saleta Goy e outros asistentes ao acto posan tras a presentación do proxecto Primavera das Letras, celebrada na biblioteca do centro. Foto: RAG

A cerna de Primavera das Letras é a páxina web academia.gal/primaveradasletras, desde a que se achegarán distintos materiais, dirixidos sobre todo ao alumnado de infantil e primaria. O proxecto está aberto tamén ás familias e a calquera usuario, que poderán acceder aos materiais pendurados neste espazo virtual de acceso libre.
Na presentación de Primavera das Letras interviñeron o director do CEIP, Antonio Leonardo Pastor; o secretario da Academia, Henrique Monteagudo; a coordinadora de normalización lingüística do colexio, Begoña Mosquera, e o presidente da Academia, Xesús Alonso Montero. As académicas Rosario Álvarez e Margarita Ledo e Saleta Goy, viúva de Manuel María, tamén participaron, xunto a outros membros da comunidade escolar, nun acto no que o alumnado acaparou o protagonismo. Dous grupos de estudantes recitaron os poemas de Manuel María "Galiza", d'Os soños na gaiola; e "A fala", d'As rúas do vento ceibe; e outro interpretou un rap sobre a vida de Manuel María, composto polo profesor José Manuel López Cabana, do CEIP Antonio Fernández López de Oural (Sarria).
O director do centro foi o encargado de abrir o acto cunha intervención na que salientou que o CEIP Curros Enríquez leva dezaseis anos traballando en proxectos de dinamización e fomento da lingua galega e avogou pola relación entre o colexio e institucións como a Academia. "Nós gañamos que os nosos alumnos teñan máis vivencias, máis experiencias, favorecer a súa formación como persoas". Tras as palabras de Antonio Leonardo Pastor, que reivindicou tamén o labor de Manuel María en defensa da lingua galega, Henrique Monteagudo presentou o proxecto, que "nace da demanda sobre todo do profesorado e dunha preocupación da Academia". "Recibimos con moita frecuencia visitas de estudantes e os profesores sempre nos fan notar a conveniencia de que a Real Academia Galega cree materiais didácticos relacionados coa lingua e a literatura galega, que son moi ben recibidos polo profesorado nos centros", explicou Henrique Monteagudo.

Unha estación para a nosa literatura
Con estes recursos preténdese contribuír ademais estender a celebración e que "o Día das Letras Galegas sexa algo máis ca un día". De feito, Primavera das Letras fornecerá de novos recursos a comunidade educativa ao longo de toda a primavera, ata mediados do mes de xuño, achegándolle desde fichas didácticas a actividades interactivas. Os contidos estarán ademais accesibles na web todo o ano co propósito de poderen ser empregados en calquera momento, xerando pouco a pouco un banco de recursos que pretende ser útil para toda a comunidade escolar.
As actividades das fichas didácticas están interrelacionadas con distintos contidos do currículo escolar para facilitaren un enfoque globalizador e interdisciplinar e a súa utilidade en calquera momento. Deste xeito, poderanse traballar na aula contidos de literatura galega, a expresión oral e escrita, aspectos relacionados co coñecemento do medio natural, as ciencias sociais ou a educación artística e a creatividade. Todo isto, a través do universo literario de Manuel María, "unha figura especialmente adecuada para iniciar este proxecto, pola importancia que ten a obra que dedicou de forma específica ao público infantil", e na que abondan os versos referidos aos ríos, a paisaxe e outros elementos do medio natural, concluíu Monteagudo.
O presidente da Academia, Xesús Alonso Montero, pechou o acto loando as interpretacións do alumnado e agradeceu a hospitalidade do CEIP Curros Enríquez. Segundo recordou, Manuel María "escribiu polo menos corenta poemas en defensa da fala". O recitado polo alumnado do colexio de Monte Alto, "A Fala", "é un poema moi atinado para empezar a Primavera das Letras", recoñeceu Alonso Montero, que puxo tamén en valor a defensa da fala e da xustiza social que mantivo o escritor que lle dá nome a este centro educativo, figura esencial desde a emigración na Habana no nacemento da Real Academia Galega no ano 1905, recordou.

Algúns exemplos dos contidos de Primavera das Letras
Primavera das Letras arrinca cunha ficha na que se explica a orixe do Día das Letras Galegas, que se celebrou por primeira vez en 1963, cen anos despois de se publicar Cantares gallegos. Séguelle Manuel María, unha vida de poema, na que a biografía do autor se escribe a través de poemas como Carné de identidade e se propón ao alumnado, entre outras cousas, que escriba o seu propio carné en verso ou converterse en xornalista para recoller testemuños sobre o uso do carro, ao que Manuel María lle dedicou un dos seus poemas máis populares.
A poesía de Manuel María está chea de versos que facilitan esta mirada multidisciplinar, parte deles incluídos en dúas obras destacadas da literatura infantil galega: Os soños na gaiola, publicado por primeira vez en 1968, cando apenas había un pequeno feixe de obras en galego para o público máis novo; e As rúas do vento ceibe, de 1979. Cada un destes dous poemarios conta con cadansúa ficha didáctica.
Manuel María dedicoulle Os soños na gaiola a todos os nenos e nenas que falan galego e xuntou neste libro, segundo dicía, os versos que el botou en falta na súa infancia. Na ficha sobre este poemario proponse un achegamento á súa poesía, mais tamén á natureza, con debuxos para colorear os versos que Manuel María lle escribiu á bolboreta, ao "arco da vella co ceo subido", ao "señor merlo larpeiro", ao "ourizo ouriceiro" ou á "señora Pita", entre outras propostas.
Primavera das Letras non só recorre á obra de Manuel María para o público infantil, tamén aproveita outros versos que poden ser igualmente empregados nas escolas para abordar, ademais da lingua e da literatura en si mesmas, contidos relacionados co mundo animal ou a xeografía.

Outros recursos da Academia
A web da Academia, academia.gal, ofrece na sección Letras Galegas un percorrido biográfico e imaxes da vida de Manuel María e tamén está a incorporar entrevistas, poemas comentados ou reportaxes sobre a figura homenaxeada na sección Novas, que se visualiza desde a páxina de inicio.
Primavera das Letras non é o primeiro proxecto da Academia pensado especialmente para o ámbito educativo. En colaboración coa Fundación Barrié, mantén o Portal das Palabras, cunha moi boa acollida no ámbito educativo, pero pensado sobre todo para o alumnado de secundaria e persoas adultas.


Recollido no blogue da RAG

4 abr 2016


              Unhas datas para lembrar
Nesta semana do 5 o 7 celebraráse un curso de violín a cargo do profesor D. Cibràn Sierra Vázquez,  recoñecido violinista galego, todo un luxo para os nosos alumnos, e un honor para o noso Conservatorio.
Vaia a xeito de benvida unha pequena escolma de artigos que reflicten a sùa labor profesional, tanto a nivel concertístico como pedagóxico.
     

        CIBRÁN SIERRA VÁZQUEZ

Nacido en Ourense (Galicia), é Profesor Superior de Violín e Música de Cámara polo Conservatorio Superior de Música de Vigo, Master in Music polo Conservatorio de Amsterdam, Artist Diploma pola Universidade de Oberlin (EEUU) e Diploma de Solista pola Universidade de Göteborg. Finaliza ademais, coas máis altas cualificacións, posgraos de Música de Cámara na MusikHochschule de Basel (Suíza), na Escola Reina Sofía de Madrid e na European Chamber Music Academy.

Estuda violín cos profesores Deborah Hamburger, Milan Vitek, Per Enoksson e Keiko Wataya. Posteriormente especialízase en música de cámara cos mestres Rainer Schmidt (Cuarteto Hagen), Walter Levin (Cuarteto LaSalle) e Hatto Beyerle (Cuarteto Alban Berg), quen marcou profundamente a súa personalidade musical.

Foi galardoado con múltiples premios como violinista, como o Guido Vecchi Prize (Göteborg, 2003), o 1er Premio na Voldrich International Competition (Suecia), o Dean's Talent Award (Oberlin, USA, 2002), etc. Como solista interpretou concertos en Bach, Haydn, Mozart, Beethoven, Mendelssohn, Chausson, etc. con orquestras de España e Escandinavia, notablemente a Orquestra Sinfónica de Göteborg coa que interpretou o Concerto n.1 de Bartók ou a Orquestra de Cámara de Göteborg, coa que estreou o Concerto para violín e orquestra do compositor sueco Roger Johansson (2004), obra da que é dedicatorio. Ofreceu recitais en España, Suecia, Dinamarca, Rep. Checa, Holanda, EEUU, e colaborado con diferentes ensembles e grupos de cámara como o Cuarteto Casals, Meta4, Forma Antiqva, Coroa Artis ou a Amsterdam Sinfonietta.

Como concertino e principal colaborou con diversas orquestras (Orquestra Sinfónica de Göteborg, Orquestra Sinfónica de Helsinborg, Oberlin Opera, etc.) traballando moi de preto con batutas como Frans Brüggen, Vladimir Ashkenazy, Gustavo Dudamel, Lawrence Foster, Paul Polivnick, James Ross, Andrew Manze, Sir Colin Davis ou Jordi Savall entre outros.

Coa vontade de homenaxear e recuperar a memoria do gran violinista galego Manuel Quiroga, funda xunto aos seus compañeiros o Cuarteto Quiroga, galardoado nos máis prestixiosos concuros internacionais para cuarteto de corda (Bordeaux, Paolo Borciani, Xenebra, Beijing, París), Premio Ollo Crítico de RNE 2007 e Medalla de Ouro do Primeiro Palau de Barcelona. O Cuarteto Quiroga, é habitual das salas e festivais máis relevantes do panorama internacional (Wigmore Hall London, Philharmonie Berlin, Frick Collection New York, Concertgebouw Amsterdam, Doelen Róterdan, Auditorio Nacional de Madrid, Beijing National Concert Hall, Tatro Solís Montevideo, Nybrokajen Estocolmo, Il Gonfallone dei Roma, etc.), acaba de sacar o seu primeiro disco "Statements" (Cobra/Diverdi) con gran apaluso da crítica internacional especializada e está considerado unha das agrupacións máis dinámicas, renovadoras e importantes da nova xeración europea. Entre os seus proxectos máis inmediatos cabe destacar xiras por Australia, EEUU, Emiratos Árabes, e residencias nos prestixiosos festivais de Orlando (Holanda) ou Luberon (Francia).

Cibrán Sierra é fundador e coordinador artístico da Tempada de Música de Cámara "Sen Batuta" de Ourense. Como profesor exerceu a docencia na Universidade de Göteborg e actualmente é responsable da Cátedra de Cuarteto de Corda do Conservatorio Superior Música de Aragón. Comparte a súa paixón pola música de cámara en institucións de todo o mundo (JONDE, Conservatorios de Madrid, Oviedo, Málaga, Pontevedra, Universidades de Houston e Seattle, Festival de Orlando - Holanda, etc.) e foi xurado do Concurso Internacional de Música de Llanes e do Premio Ollo Crítico de RNE 2009.

Toca o violín de Nicola Amati "Arnold Rosé" (Cremona, 1682), xentilmente cedido polos herdeiros de Paola Modiano.


"O cuarteto de corda: Laboratorio para unha sociedade ilustrada"
A Cibrán Sierra identifícaselle internacionalmente polo seu recoñecido traballo e a exitosa carreira profesional co Cuarteto Quiroga, do que é membro fundador. A formación é unha das agrupacións de música de cámara máis premiada da nova xeración europea e o cuarteto que mantén viva a memoria do gran violinista pontevedrés é responsable da colección de Stadivarius decorados do Palacio Real de Madrid. Inquieto e comprometido, o seu último proxecto chega en forma de libro. O cuarteto de corda: Laboratorio para unha sociedade ilustrada (Alianza Música), presentado recentemente en Madrid, é froito dun arduo traballo desenvolvido polo violinista ourensán durante o últimos catro anos. Cibrán Sierra marcouse como obxectivo achegar a historia, a evolución e os segredos do cuarteto de corda ao lector, valéndose dunha linguaxe afastada dos tecnicismos e apostando por unha exposición amena e atractiva para guiar a quen se achegue a esta obra.
No repaso da historia do que se considera o gran fenómeno cultural, desde as orixes do cuarteto de corda ata os nosos días, incide o violinista ourensán no feito de que foi o medio favorito dos grandes compositores para a experimentación musical e reflexiona sobre «o seu valor ético, cívico e educativo, como metáfora musical dunha sociedade herdeira dos valores da ilustración». En catro seccións estrutúrase a publicación, as que se centran na historia do cuarteto de corda a través dos seus compositores e intérpretes, unha viaxe á dinámica interna do mesmo -como se constrúe unha interpretación e configúrase o seu carácter de grupo-; unha aproximación á dimensión social, ética e educativa desta convivencia musical e unha cartografía do panorama deste tipo de formacións na actualidade. Sierra achega unha visión lúcida e experimentada que lle confire un valor engadido á obra.