4 abr 2016


              Unhas datas para lembrar
Nesta semana do 5 o 7 celebraráse un curso de violín a cargo do profesor D. Cibràn Sierra Vázquez,  recoñecido violinista galego, todo un luxo para os nosos alumnos, e un honor para o noso Conservatorio.
Vaia a xeito de benvida unha pequena escolma de artigos que reflicten a sùa labor profesional, tanto a nivel concertístico como pedagóxico.
     

        CIBRÁN SIERRA VÁZQUEZ

Nacido en Ourense (Galicia), é Profesor Superior de Violín e Música de Cámara polo Conservatorio Superior de Música de Vigo, Master in Music polo Conservatorio de Amsterdam, Artist Diploma pola Universidade de Oberlin (EEUU) e Diploma de Solista pola Universidade de Göteborg. Finaliza ademais, coas máis altas cualificacións, posgraos de Música de Cámara na MusikHochschule de Basel (Suíza), na Escola Reina Sofía de Madrid e na European Chamber Music Academy.

Estuda violín cos profesores Deborah Hamburger, Milan Vitek, Per Enoksson e Keiko Wataya. Posteriormente especialízase en música de cámara cos mestres Rainer Schmidt (Cuarteto Hagen), Walter Levin (Cuarteto LaSalle) e Hatto Beyerle (Cuarteto Alban Berg), quen marcou profundamente a súa personalidade musical.

Foi galardoado con múltiples premios como violinista, como o Guido Vecchi Prize (Göteborg, 2003), o 1er Premio na Voldrich International Competition (Suecia), o Dean's Talent Award (Oberlin, USA, 2002), etc. Como solista interpretou concertos en Bach, Haydn, Mozart, Beethoven, Mendelssohn, Chausson, etc. con orquestras de España e Escandinavia, notablemente a Orquestra Sinfónica de Göteborg coa que interpretou o Concerto n.1 de Bartók ou a Orquestra de Cámara de Göteborg, coa que estreou o Concerto para violín e orquestra do compositor sueco Roger Johansson (2004), obra da que é dedicatorio. Ofreceu recitais en España, Suecia, Dinamarca, Rep. Checa, Holanda, EEUU, e colaborado con diferentes ensembles e grupos de cámara como o Cuarteto Casals, Meta4, Forma Antiqva, Coroa Artis ou a Amsterdam Sinfonietta.

Como concertino e principal colaborou con diversas orquestras (Orquestra Sinfónica de Göteborg, Orquestra Sinfónica de Helsinborg, Oberlin Opera, etc.) traballando moi de preto con batutas como Frans Brüggen, Vladimir Ashkenazy, Gustavo Dudamel, Lawrence Foster, Paul Polivnick, James Ross, Andrew Manze, Sir Colin Davis ou Jordi Savall entre outros.

Coa vontade de homenaxear e recuperar a memoria do gran violinista galego Manuel Quiroga, funda xunto aos seus compañeiros o Cuarteto Quiroga, galardoado nos máis prestixiosos concuros internacionais para cuarteto de corda (Bordeaux, Paolo Borciani, Xenebra, Beijing, París), Premio Ollo Crítico de RNE 2007 e Medalla de Ouro do Primeiro Palau de Barcelona. O Cuarteto Quiroga, é habitual das salas e festivais máis relevantes do panorama internacional (Wigmore Hall London, Philharmonie Berlin, Frick Collection New York, Concertgebouw Amsterdam, Doelen Róterdan, Auditorio Nacional de Madrid, Beijing National Concert Hall, Tatro Solís Montevideo, Nybrokajen Estocolmo, Il Gonfallone dei Roma, etc.), acaba de sacar o seu primeiro disco "Statements" (Cobra/Diverdi) con gran apaluso da crítica internacional especializada e está considerado unha das agrupacións máis dinámicas, renovadoras e importantes da nova xeración europea. Entre os seus proxectos máis inmediatos cabe destacar xiras por Australia, EEUU, Emiratos Árabes, e residencias nos prestixiosos festivais de Orlando (Holanda) ou Luberon (Francia).

Cibrán Sierra é fundador e coordinador artístico da Tempada de Música de Cámara "Sen Batuta" de Ourense. Como profesor exerceu a docencia na Universidade de Göteborg e actualmente é responsable da Cátedra de Cuarteto de Corda do Conservatorio Superior Música de Aragón. Comparte a súa paixón pola música de cámara en institucións de todo o mundo (JONDE, Conservatorios de Madrid, Oviedo, Málaga, Pontevedra, Universidades de Houston e Seattle, Festival de Orlando - Holanda, etc.) e foi xurado do Concurso Internacional de Música de Llanes e do Premio Ollo Crítico de RNE 2009.

Toca o violín de Nicola Amati "Arnold Rosé" (Cremona, 1682), xentilmente cedido polos herdeiros de Paola Modiano.


"O cuarteto de corda: Laboratorio para unha sociedade ilustrada"
A Cibrán Sierra identifícaselle internacionalmente polo seu recoñecido traballo e a exitosa carreira profesional co Cuarteto Quiroga, do que é membro fundador. A formación é unha das agrupacións de música de cámara máis premiada da nova xeración europea e o cuarteto que mantén viva a memoria do gran violinista pontevedrés é responsable da colección de Stadivarius decorados do Palacio Real de Madrid. Inquieto e comprometido, o seu último proxecto chega en forma de libro. O cuarteto de corda: Laboratorio para unha sociedade ilustrada (Alianza Música), presentado recentemente en Madrid, é froito dun arduo traballo desenvolvido polo violinista ourensán durante o últimos catro anos. Cibrán Sierra marcouse como obxectivo achegar a historia, a evolución e os segredos do cuarteto de corda ao lector, valéndose dunha linguaxe afastada dos tecnicismos e apostando por unha exposición amena e atractiva para guiar a quen se achegue a esta obra.
No repaso da historia do que se considera o gran fenómeno cultural, desde as orixes do cuarteto de corda ata os nosos días, incide o violinista ourensán no feito de que foi o medio favorito dos grandes compositores para a experimentación musical e reflexiona sobre «o seu valor ético, cívico e educativo, como metáfora musical dunha sociedade herdeira dos valores da ilustración». En catro seccións estrutúrase a publicación, as que se centran na historia do cuarteto de corda a través dos seus compositores e intérpretes, unha viaxe á dinámica interna do mesmo -como se constrúe unha interpretación e configúrase o seu carácter de grupo-; unha aproximación á dimensión social, ética e educativa desta convivencia musical e unha cartografía do panorama deste tipo de formacións na actualidade. Sierra achega unha visión lúcida e experimentada que lle confire un valor engadido á obra.




No hay comentarios: