22 mar 2013

Os nenos e as nenas cantan a Rosalía

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o Consello da Cultura Galega reunirán un coro de 400 nenos e nenas para cantar os versos de Rosalía de Castro nunha homenaxe única á escritora no ano no que conmemora o 150.º aniversario da publicación de Cantares Gallegos.

A compostelá praza da Quintana acollerá o 7 de xuño este concerto, no que participará alumnado de conservatorios, escolas de música e coros infantís de toda Galicia. Previamente, os nenos e nenas visitarán a Cidade da Cultura de Galicia, onde realizarán o ensaio xeral. 

No eido da música e das artes escénicas, ademais desta actividade musical educativa, estase a preparar unha recompilación das principais gravacións existentes da música de Rosalía, un concerto ía dentro do ciclo de música Espazos Sonoros, e difundiranse as novidades discográficas deste ano arredor da figura desta escritora, proxectos como Rosalía de Narf, música e poemas rosalianos musicados polo cantante galego Narf, e un proxecto arredor de Cantares Gallegos do grupo folk aCadacanto. Ademais, o Centro Coreográfico Galego levará por vilas e cidades de Galicia o espectáculo de danza Rosalía; e Sarabela Teatro difundirá a súa prosa e poesía a través do espectáculo escénico Os cantares das musas.

Pódese consultar máis información no enlace web: http://consellodacultura.org/rosalia2013/nenos_rosalia.php

No hay comentarios: