10 nov 2014





Un Castelao oculto dende 1936

·         A familia Paramés descobre un debuxo descoñecido do artista de Rianxo




Non cabe dúbida de que Paramés, o fundador da imprenta do seu mesmo nome inaugurada en Ferrol no ano 1921, gardaba dentro de si o mellor de canto a tradición atribúe aos que dedicaron a súa vida, en tempos sen dúbida heroicos, a converter en letra imprimida os sonos dos demais. Sentía unha verdadeira paixón pola literatura e polas artes. E tamén pola liberdade, como subliña a súa neta María del Pilar, que leva anos tratando de sacar do esquecemento a poliédrica figura do seu avó. Un avó ao que non chegou a coñecer, e entre cuxos papeis apareceu agora, entre outros centos de inéditos, un debuxo de Castelao.
Paramés (Emilio Paramés González, era o seu nome completo) nacera, explica a súa neta, en terras pontevedresas, a finais do século XIX, no seo dunha familia rural de escasos recursos económicos. Emigrou a Cuba moi novo, como tantos e tantos galegos da súa xeración, e tras o seu regreso a España pasou un tempo en Madrid, que foi a cidade na que probablemente aprendeu o oficio de impresor ou onde -se é que o oficio xa o aprendera en Cuba- aprendeu a xestionar unha imprenta. É posible que alí coñecese a Cambó, a quen fixo un retrato.

En 1921 Emilio Paramés encontrábase xa en Ferrol, porque ese foi o ano no que abriu as portas da súa imprenta. A partir de entón converteuse nunha figura de referencia, dende a cidade, no ámbito cultural galego... e non só no galego. Pero non como creador, aínda que tamén el escribía e debuxaba, senón como impulsor de todo tipo de iniciativas. Podería, neste sentido, establecerse un paralelismo, quizais, coa figura de Fontenla Leal, o ferrolano que co seu calado pero incesante labor, desenvolvido fundamentalmente dende Cuba, impulsou tanto o nacemento da Real Academia Galega coma a composición do Himno de Galicia.
Agora a súa neta Pilar encontrou os dous cadernos nos que Emilio Paramés foi reunindo, ao longo dos anos, debuxos e manuscritos dos seus amigos. Nun deles encóntrase o debuxo de Castelao. E noutro textos como o de Xaime Quintanilla Martínez. Todo parece indicar que tras falecer Paramés en 1935, a súa viúva os ocultou ao estalar a Guerra Civil.



La Voz de Galicia- Ferrol- 09-11-2014



No hay comentarios: