23 feb 2019

Galicia celebra o Día de Rosalía con alborada e caldo de gloria
A fundación de Padrón anima a todos a conmemorar o día 24
Como bos galegos, a gastronomía e a música non poden faltar na conmemoración do Día de Rosalía, o 24 de febreiro (data do seu nacemento), polo que a fundación que leva o seu nome en Padrón convidou onte a toda Galicia a preparar o caldo de gloria e a saudar o festexo cunha alborada. Son as dúas propostas principais do programa para o día 24 da Fundación Rosalía de Castro, que deu a coñecer o seu presidente, Anxo Angueira. Xunto a el estiveron a escritora Ledicia Costas, encargada de preparar este ano o caldo de gloria, e Oli Xiráldez e Gustavo Couto, da Asociación de Gaiteiros Galegos, que colabora na alborada global.

Anxo Angueira animou aos galegos a cociñar, por terceiro ano, o caldo de gloria, xa sexa no ámbito público, dende comedores escolares e a hostalaría, ao privado, nas casas de cada un. Lembrou que Rosalía fala desa comida tan galega no poema Miña casiña, meu lar, que relata «a épica invisible doméstica dunha muller» que dá unha lección de como «sobrevivir e mesmo ser feliz a pesar da penuria e as adversidades», dixo. A escritora Ledicia Costas, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil de España no 2015, declarouse «emocionada» por ter a oportunidade de poder preparar o caldo de gloria. Tanto a alborada global como o caldo de gloria celebraranse o día 24, pero este xoves a Casa da Matanza acollerá a plantación na súa horta dun carballo de Gernika, acto ao que asistirá a presidenta das Juntas Generales de Biscaia. O venres, en Padrón, celébrase a segunda Gala Rosaliana, organizada polo Concello en colaboración coa fundación. Onte, Oli Xiráldez e Gustavo Couto interpretaron un anaco da Alborada de Rosalía, unha peza musical con letra da propia poeta, que animaron a dar a todos os músicos, non só aos gaiteiros.





PADRÓN / LA VOZ 19/02/2019 05:00 H

No hay comentarios: