14 may 2020


17 de maio
día das letras galegas



Ricardo Carvalho Calero (Ricardo Carballo Calero) naceu o ano 1910 en Ferrol, onde comezou a publicar os seus primeiros versos. Tras cursar por libre o Bacharelato, transladouse a Compostela para estudar Dereito e Filosofía e Letras e cumprir co servicio militar. Aquí entrou en contacto co galeguismo e cos movementos culturais da altura, nomeadamente co Seminario de Estudos Galegos. Foi este un momento de intensa militancia política de Carvalho, integrado no movimento nacionalista e tomando parte no activismo estudiantil. Até 1932, en que gañou unha praza de funcionario municipal na vila natal, Carvalho Calero enviou numerosas colaboracións ás máis destacadas revistas literarias (A Nosa Terra, Nós, Guión, Galiza, Resol, Universitarios, Papel de Color) e principiou a publicación dos seus libros poéticos, primeiro en español e despois en galego.
O golpe militar sorprendeuno en Madrid e Carvalho posicionouse no bando constitucional, entrando en combate como miliciano. Unha vez terminado o conflito, foi condenado por separatista e recluído no cárcere de Xaén. En 1941 o escritor regresou á súa cidade con liberdade condicional. Imposibilitado para exercer a función pública, refuxiouse no ensino privado (entre 1950 e 1965 no Colexio Fingoi de Lugo), restablecendo os contactos cos galeguistas que ficaran no país. 
Paralelamente ao seu labor docente, desenvolveu nestes anos un importantísimo traballo investigador -iniciado coa súa tese de doutoramento, "Aportaciones a la literatura gallega contemporánea"- que tivo como fruto máis valioso a publicación en 1963 da Historia da literatura galega contemporánea. Dous anos máis tarde gañou un posto de agregado no Liceo Rosalía de Castro, de Santiago. Por fin, en 1972 foi nomeado titular da cátedra de Lingüística e Literatura Galega. Os estudos de Carvalho atinxiron igualmente a lingua. Recollendo a herdanza dos autores do Primeiro Renacemento e os traballos do profesor Rodrigues Lapa, Carvalho Calero, preocupado pola coherencia histórico-lingüística do galego a pesar da férrea oposición que encontrou no camiño, mostrouse defensor das teses etimoloxistas que terán continuidade no movimento reintegracionista, feito que lle custaría ser marxinado nos últimos anos da súa vida. Así mesmo, desenvolvería un amplo labor como editor dos clásicos.

Ademais da súa extensísima obra ensaística, cultivou a poesía (Vieiros, 1931; Poemas pendurados dun cabelo, 1952; Pretérito Imperfeito, 1980; Cantigas de amigo e outros poemas, 1986; Reticências, 1990...), o teatro (Catro pezas: A sombra de Orfeo, Farsa das zocas, A arbre, Auto do prisioneiro, 1971; Teatro Completo, 1982) e a narrativa (Xente da Barreira, 1950; Scórpio, 1987).
Membro da Real Academia Galega desde 1958, faleceu en Compostela no ano 1990.

as caricaturas de Carvalho Calero con de Siro

No hay comentarios: