22 nov 2016


 





No Conservatorio "Xoán Montes" temos un mural no primeiro andar para lembrar que seguimos necesitando un día 25 de novembro.
Poñemos á túa  disposición marcapáxinas, pulseiras e lazos alusivos a data.
Recolle e loce o teu lazo ou pulseira solidarios para mostrar o teu compromiso contra a violencia de xénero e contra calquera tipo de violencia. 
O venres ás 18,00 regalaremos un pouco de música nos corredores do centro.





3 oct 2016






O U T O N O





Chegou o tempo de Outono 
prás castañas varear. 
¡Chegou o tempo do sono
e a sazón de sementar!

(TERRA CHÁ, 1954)


Eu non sei decir cal é, nin adiviño
que froito ten o Outono máis logrado: 
se o millo bó, metálico e broslado
ou o membrillo, redondo e mareliño.

Outono é tempo das vendimas. 
As uvas maduras, tentadoras, 
tomaron o sol horas e horas
e lembran orballos e chorimas.
O vento baixa dende as cimas
con duras agullas feridoras
e as cubas, solemnes e señoras,
gardan, na adega, os seus enigmas. 
...

As árbores desnúdanse amodiño,
 derramando, a bocados, un tesouro: 
follas de prata, recamadas de ouro, 
nun solpor alampado e mareliño.
                                            ...

(POEMAS AO OUTONO, 1977)






                                                                                       




                                                                                                   Material recollido da web casamuseomanuelmaria.gal









20 sept 2016


Os equipos de dinamización comezan o curso con novas propostas para estudar e vivir en galego




 
O Portal da Lingua Galega, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, ofrece unha mostra de materiais e actividades de referencia elaborados nos centros educativos

Santiago, 20 de setembro de 2016.- A Secretaría Xeral de Política Lingüística, no cumprimento das funcións que ten asignadas, ofrece no Portal da Lingua Galega unha mostra dos materiais máis representativos, coa finalidade de divulgalos e de estender, deste xeito, as boas prácticas na promoción do uso do galego.
Nesta selección podemos atopar dende o modelo de entrevista inicial de escolarización que nos ofrece a EEI Fernández Varela da Pobra do Caramiñal, ata axendas escolares coma a do CPI Aurelio Marcelino Rey García de Cuntis, dedicada a Carlos Casares con motivo do Día das Letras Galegas 2017, pasando polos adhesivos dinamizadores para decorar cartafoles e cadernos da Coordinadora de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística do Salnés ou a sinalización para colexios adaptada a alumnado con dificultades de alfabetización que propón o CEIP Heroínas de Sálvora de Aguiño (Ribeira).
Promoción do galego no ámbito educativo

A difusión de boas prácticas e de materiais de referencia dos e para os equipos de dinamización da lingua galega forma parte das liñas de traballo que a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura e Educación dedica a promover o galego no eido do ensino. Ao mesmo obxectivo diríxense as axudas económicas aos equipos para que poidan desenvolver as súas propias iniciativas no exercicio da autonomía que se lles recoñece aos centros educativos, os Proxectos de innovación en dinamización lingüística, o Proxecto Antonio Fraguas ou programas de dinamización lingüística como Nós tamén creamos! ou Dragal. De todas estas actividades e convocatorias pódese atopar información no Portal da Lingua Galega.

10 jun 2016






Un día grande para celebrar todos os músicos


Día Europeo da Música
O Día Europeo da Música é unha 
iniciativa do Ministerio de Cultura Francés, que estableceu que cada ano, coincidindo co primeiro día do verán e o máis longo do ano, se celebrara a Festa da Música. Un evento no que músicos de todo tipo (profesionais, afeccionados, estudantes) toman as rúas das súas cidades e utilizan espazos pouco habituais para a expresión musical: estacións, museos, parques, edificios públicos, entre outros.
Por outro lado, a festa serve para animar ás institucións principais da música (orquestras, óperas, coros, etc) a que realicen actividades fóra dos seus espazos habituais. Ao dar a benvida a outros tipos de música, estas institucións participan nun intercambio cultural que conectan os centros da cidade e as súas áreas periféricas, ofrecendo concertos en hospitais, prisións, igrexas e promovendo encontros entre os músicos máis noveis e os profesionais. Na actualidade, este evento celébrase en máis de cen países do mundo.
Por primeira vez o Conservatorio  Profesional "Xoán Montes" súmase a conmemoración. Mágoa que non teñamos mais compañeiros de viaxe. Quen sabe se algún dos músicos ou agrupacións que nos lean animaranse a participar connosco nesta festa!