3 mar 2015




Este venres 6 de Marzo as 19,00 h no Auditorio 
 concerto de alumnas avantaxadas, eficazmente acompañadas por dous profesores, e con músicas que van do barroco o nacionalismo ruso, pasando polo clasicismo, poñen a banda sonora a una nova edición de: 








As biografias das homenaxeadas están á vosa disposición nun caderno a carón da exposición por si queredes profundizar no coñecemento dos méritos que as acompañan e as fan merecedoras de ser especialmente recordadas nesta data.







5 feb 2015

"Sen música a calidade de vida das persoas sería moito peor"

Sir Neville Marriner: «Sen música a calidade de vida das persoas sería moito peor»


O responsable musical da banda sonora de «Amadeus» dirixe a Sinfónica de Galicia


Ao seus espléndidos 90 anos, sir Neville Marriner dirixirá por primeira vez a Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG) este fin de semana. Mañá e pasado no coruñés pazo da Ópera (ás 20.30 horas), o lendario titular da Academy of Saint Martin in the Fields impartirá o seu maxisterio en Mozart (Concerto n.º 24 para piano), Vaughan Williams (Segunda Sinfonía, ?London?) e Elgar (Introdución e allegro, op. 47).
-Como fai para manterse en tan excelente forma?
-Creo que o meu único mérito é ter elixido ben os meus pais [risas], ambos os dous viviron ata os 90 anos. De cando en vez aínda xogo ao tenis. Na miña casa, en Londres, teño unha pista, pero agora só xogo coas rapazas. Póñenmo máis doado. Despois creo que o segredo é o traballo, ter un proxecto de vida. Se te paras, o cerebro farao tamén.
-O seu compatriota Charles Burney, no prólogo do seu libro «Viaxe musical por Francia e Italia no século XVIII», dicía xa: «A música alivia os pesares e tranquiliza a dor, e resulta un ben tan grande para a humanidade que nos afasta do mal e co seu bálsamo estiña as feridas máis fondas...».
-Ben, os políticos pensan que se recortan en cultura non pasada nada, porque ninguén morre, pero é un grave erro. Sen música, a calidade de vida das persoas é moito peor. En tempos de guerra, ou en países que atravesan dificultades importantes, onde a xente sofre, a música é capaz de achegar sempre esperanza e alivio, de lograr unila mesmo.
-Dirixe na Coruña música de Mozart, pero sobre todo de Elgar e Vaughan Williams. Supón un deber para vostede dar a coñecer compositores do seu país?
-É o que me pediron. A semana pasada dirixín a Orquestra Nacional e querían música inglesa, e agora aquí sucedeu o mesmo coa OSG. Creo que Elgar e Vaughan Williams non son tan coñecidos, polo menos fóra de Inglaterra, e en ocasións a xente só quere escoitar aquilo que non lle formula demasiados retos intelectuais. Pero a min encántame sorprender as orquestras estranxeiras con esta música, que é moi difícil ás veces de tocar como se debe, ao modo británico. Aquí os músicos da OSG comprendérona moi ben.
-Como cambiou o circuíto da música dende que vostede empezou a dirixir orquestras?
-O nivel técnico das orquestras non era tan bo como agora. Cando Toscanini veu por primeira vez a Inglaterra en 1930 dixo cousas horribles das nosas. Agora tócase moito mellor, pero tamén é máis difícil impresionar un auditorio porque sempre se espera o máis elevado. A xente coñece o repertorio a través das gravacións das mellores orquestras e quere escoitar só iso.
-Existe un son mozartiano asociado a vostede e á súa orquestra, a Academy of Saint Martin in the Fields. Como se forxou?
-Cando empezamos a interpretar a Mozart coa Academy of Saint Martin in the Fields tivemos moita sorte. Durante os primeiros dous anos tocamos simplemente por pracer, e decidimos cal sería o son ideal para o noso Mozart: sobre todo, limpo e transparente. Logo ás compañías de discos interesoulles e por iso empezamos a gravalo. Despois viría o grande éxito da película Amadeus, cuxa música gravamos nós, e puidemos chegar a unha audiencia nova, distinta e moi ampla.
-E a vostede, que lle pareceu «Amadeus»?
-Peter Shaffer [autor da obra orixinal e do guion do filme de Milos Forman] nunca pretendeu facer un documental, ninguén sabe como morreu Mozart realmente; pero a historia era boa, a min gustoume. E deixáronnos gravar a música tal como queriamos, non ao modo dos grandes estudos. Aínda así tivemos algunhas críticas severas de ilustres mozartianos, pero non me sinto avergonzado. Aquilo serviu para que moita xente escoitase a Mozart por primeira vez e a nós nos coñecesen en todo o mundo.
-Véndoo, parece claro que vostede vai dirixir máis alá dos 100 anos. Como cre que cambiarán os concertos no futuro?
-Hai que seguir convencendo os novos públicos, e iso só pódese lograr a través do sistema educativo. A música clásica só vai interesarlle ao 10% dos nenos, o resto quererá escoitar pop, que é máis doado, pero mesmo para chegar a ese grupo é necesario investir nunha boa educación, como se segue facendo en Alemaña aínda hoxe. Nese país pode que se fusionasen un par de orquestras dunha rexión pequena para aforrar, pero en conxunto o gasto segue sendo o mesmo, non hai menos música. En Inglaterra, como en España, é un desastre, para aforrar unhas libras elimínase o profesor de música.


LA VOZ DE GALICIA 05/02/2015
CÉSAR WONENBURGER

28 ene 2015

30 de Xaneiro Día da Paz e a Non-violencia




Estamos a celebrar o día escolar da paz e a non violencia e aí vai unha mostra do que puxemos no mural que fixemos no Conservatorio. No vestíbulo do primeiro andar e nas aulas situadas nel,       atoparás moitas frases de Mahatma Ghandi o pacifista mais senlleiro, contos relacionados co tema, marcapáxinas...Visítao!







PARA QUE HAXA PAZ 

Para que haxa paz no mundo,
debe haber paz nas nacións.

Para que haxa paz nas nacións,
debe haber paz nas cidades.

Para que haxa paz nas cidades,
debe haber paz entre os veciños.

Para que haxa paz entre os veciños,
debe haber paz nas casas.

Para que haxa paz nas casas,
debe haber paz nos corazóns.

                                                               (Versión libre dun texto de Lao-Tsé)


DECÁLOGO PARA CRECER NA PAZ

1. Es alguén moi importante. Quérete.

2. Valora os teus amigos. Daralles seguridade.

3. Descobre todo o que te une aos demais por enriba do que te separa.

4. Respecta as opinións. Así contribuirás ao diálogo.

5. Aprende a escoitar, comprenderás mellor aos demais.

6. Esfórzate por rematar ben as túas tarefas. Gozarás co resultado.

7. Cumpre coas túas responsabilidades, os demais necesítano.

8. Traballa en grupo. Ninguén sabe máis que todos xuntos.

9. Comparte as túas cousas cos demais. Farate moi feliz.

10. Pon paz dentro de ti, desta forma estarás a poñer tamén paz a o teu arredor.

                                                                                Cesar Vallejo


 O VENTO E O SOL

O sol e o vento discutían para ver quen era o máis forte
O vento dicía: Ves aquel ancián envolvido nunha capa?.
Apóstoche a que o farei quitar a capa máis rápido ca ti.
Ocultouse o sol tras unha nube e comezou a soprar o vento, cada vez con máis forza, ata ser case un ciclón, pero canto máis sopraba tanto máis envolvíase o home na capa.
Por fin o vento calmouse e declarouse vencido.
E entón saíu o sol e sorriu benignamente sobre o ancián.
Non pasou moito tempo ata que o ancián,
acalorado pola morneza do sol, quitou a capa.
O sol demostrou entón ao vento que a suavidade e o amor dos abrazos son máis poderosos que a furia e a forza.

                                                                           Esopo (600 AC).


15 ene 2015

A REAL ACADEMIA DE BELAS ARTES POSTULA O DíA 1 DE ABRIL
A Real Academia de Belas Artes, recentemente renovada e presidida polo pintor Manuel Quintana Martelo, propón a creación dun Día das Artes Galegas que se celebraría o día 1 de abril, data que figura na inscrición do Pórtico da Gloria da Catedral. O obxectivo é "sensibilizar á sociedade do valor patrimonial da cultura galega" a través de conmemoración, conferencias, actividades pedagóxicas.



INTÉGRASE NO PROGRAMA CATEDRAL DA FUNDACIÓN BARRIÉ
Recreacións en tres dimensións, paneis explicativos, réplicas dos instrumentos medievais, fotografías artísticas e proxeccións audiovisuais. O Espazo Divulgativo do Pórtico da Gloria que abría esta mañá na Sala de Armas do Pazo de Xelmírez en Compostela permitirá coñecer polo miúdo este monumento do románico galego. A nova sala, financiada pola Fundación Barrié no marco do Programa Catedral integrarase no circuíto de actividades didácticas e visitas guiadas e irá incorporando novos contidos. Ademais, achegará información actualizada sobre o proxecto de restauración do pórtico, cuxa finalización está prevista para o mes de marzo de 2017.