Co adaxo da celebración dos 150 anos da publicación de Cantares Gallegos
a Universidade de Vigo e a Fundación Rosalía de Castro promoven unha
iniciativa para traducir ao máximo de linguas posibles dous dos poemas
máis coñecidos desta obra: “Airiños, airiños aires” e “Adiós ríos, adiós fontes”.
Con estas traducións, calquera de nós pode ler, gozar e agasallar aos
amigos e amigas de fóra, pero tamén queremos facer un chamamento a
tradutores de todo o mundo para que “asúen” estes dous poemas a
cadansúas linguas.
Iremos publicando cada novo idioma segundo vaian chegando, ata o 1 de
xullo, cando poremos fin á procura. Daquela poderemos descargar en
carteis e pendurar por rúas, centros educativos e lugares de traballo
todas estas traducións. En Vigo engalanaremos todas as rúas do Casco
Vello, onde se imprimiron os Cantares por vez primeira, o 17 de maio de
1863, e así viandantes e turistas poderán levar cadansúa tradución.
Visita PLANETA ROSALÍA e colabora traducindo un poema!
19 abr 2013
18 abr 2013
bUSCatermos, por fin ao alcance de todos
A USC estrea a súa aplicación bUSCatermos para iPhone e iPad
Recolle máis de 450.000 formas lingüísticas e máis de 150.000 conceptos
Os usuarios de iOS, xa sexa dun iPhone ou dun iPad, xa poden levar no peto unha enorme base de datos con máis de 150.000 conceptos e máis de 450.000 formas lingüísticas de vocabulario das áreas especializadas máis diversas. A Universidade de Santiago e a empresa Sixtema presentaron esta mañá a aplicación bUSCatermos para os dispositivos iOS, unha app gratuita que permite acceso aos contidos da ferramenta universitaria que pode gabarse de ser o recurso lexicográfico máis amplo existente para a lingua galega.
Deste xeito, a aplicación, que xa está
completamente operativa, facilitará o traballo para todas as persoas que
pretenden empregar o galego como lingua de comunicación en temáticas
especializadas mantendo a calidade e a precisión esenciais para este
tipo de comunicación. Para cada un dos conceptos compilados recóllense
as denominacións máis habituais en galego e na maioría dos casos tamén
as empregadas nas linguas do contorno máis inmediato: castelán, inglés e
portugués, fundamentalmente.
O bUSCatermos aínda non está dispoñible para
outros sistemas operativos como Android ou Blackberry, pero o Servizo de
Normalización da Universidade está disposto a colaborar con
desenvolvedores que queiran crear outra aplicación.
Fonte: La Voz de Santiago,
17 de abril de 2013
17 de abril de 2013
12 abr 2013
A Real Academia Galega terá novo presidente o 20 de abril
Un plenario dividido elixirá ese día
entre Alonso Montero e González
A situación de interinidade que
atravesa a Real Academia Galega desde que o pasado 13 de marzo Xosé Luís Méndez
Ferrín presentou a súa dimisión xa ten data límite: o 20 de abril. Ese sábado
un plenario dividido en dous bloques elixirá un novo presidente entre as
candidaturas lideradas polos profesores Xesús Alonso Montero e Manuel González.
Se non o fan público con
anterioridade, as dúas listas deberán concretar ese día ante o plenario os
cinco nomes da súa proposta de executiva e detallar que cargos ocuparían en
caso de resultar elixida (presidente, secretario, vicesecretario, tesoureiro e
arquiveiro-bibliotecario). Con Manuel González compartirán lista os filólogos
Francisco Fernández Rei e Xosé Luís Regueira, mentres que Xesús Alonso Montero
levará no seu equipo ao teólogo Andrés Torres Queiruga e á filóloga Rosario
Álvarez Blanco.
Quedan por tanto pendentes de
definir dous postos en cada executiva, un xesto co que se tratou de buscar a
integración nunha única candidatura de consenso, pero que finalmente non se
puido acadar.
O plenario que elixirá ao novo
presidente está composto actualmente por 27 membros, toda vez que aínda están
pendentes de ingresar na RAG os académicos electos Pegerto Saavedra e Fina
Casalderrey e que permanece baleira a cadeira que deixou Méndez Ferrín.
A elección, segundo a revisión
dos estatutos da Academia aprobada no 2000, farase mediante unha votación
secreta (pódese enviar o voto por correo). O candidato necesita obter a maioría
absoluta dos apoios (14 dos 27 posibles). Se non a consegue no primeiro
reconto, pásase a unha segunda rolda na que xa abonda cunha maioría simple.
Ata 48 horas antes da celebración
do plenario, é dicir, ata o xoves 18, pódense rexistrar outras candidaturas á
presidencia da Academia, algo que, non obstante, semella altamente improbable
nesta ocasión. De feito, esta será a primeira vez desde 1906 en que se
presentan dúas listas diferentes.
O número 12 desde Murguía
O sucesor de Méndez Ferrín
converterase no presidente número doce da Real Academia Galega desde Manuel
Murguía, que foi o primeiro en dirixir a corporación e exerceu o cargo -entón
de carácter vitalicio- ata a súa morte en 1923. A presidencia foi ocupada en
dúas ocasións por Manuel Casás e Eladio Rodríguez e, entre outros, pasaron pola
primeira cadeira da RAG Andrés Martínez Salazar, Francisco Ponte Blanco, Manuel
Lugrís Freire e, xa en tempos máis recentes, Domingo García-Sabell, Francisco
Fernández del Riego e Xosé Ramón Barreiro Fernández.
Coa revisión dos estatutos, o
mandato do presidente da RAG queda limitado a catro anos coa posibilidade de
optar a unha única reelección para un segundo período.
Rosalía de Castro no século XXI
Rosalía de Castro no século XXI. Unha nova ollada é un congreso internacional dividido en 5 xornadas e un congreso virtual.
Contará coa participación de especialistas na obra rosaliana de diferentes
xeracións e de dentro e fóra de Galicia que achegarán olladas renovadoras desta
autora única.
OBXECTIVOS
- Amosar a vixencia da obra de Rosalía no século XXI e alentar o seu aprecio por parte do público galego e non galego de todas as xeracións.
- Acoller e poñer de relevo as novas perspectivas de análise que se foron producindo nas últimas décadas, despois do extraordinario pulo que para os estudos rosalianos supuxo o Congreso Internacional sobre Rosalía de Castro e o seu tempo, que tivo lugar en 1985 e no que tamén participou o Consello da Cultura Galega.
- Estimular novas lecturas críticas da obra rosaliana para propiciar o avance do seu coñecemento.
Suscribirse a:
Entradas (Atom)