Un plenario dividido elixirá ese día
entre Alonso Montero e González
A situación de interinidade que
atravesa a Real Academia Galega desde que o pasado 13 de marzo Xosé Luís Méndez
Ferrín presentou a súa dimisión xa ten data límite: o 20 de abril. Ese sábado
un plenario dividido en dous bloques elixirá un novo presidente entre as
candidaturas lideradas polos profesores Xesús Alonso Montero e Manuel González.
Se non o fan público con
anterioridade, as dúas listas deberán concretar ese día ante o plenario os
cinco nomes da súa proposta de executiva e detallar que cargos ocuparían en
caso de resultar elixida (presidente, secretario, vicesecretario, tesoureiro e
arquiveiro-bibliotecario). Con Manuel González compartirán lista os filólogos
Francisco Fernández Rei e Xosé Luís Regueira, mentres que Xesús Alonso Montero
levará no seu equipo ao teólogo Andrés Torres Queiruga e á filóloga Rosario
Álvarez Blanco.
Quedan por tanto pendentes de
definir dous postos en cada executiva, un xesto co que se tratou de buscar a
integración nunha única candidatura de consenso, pero que finalmente non se
puido acadar.
O plenario que elixirá ao novo
presidente está composto actualmente por 27 membros, toda vez que aínda están
pendentes de ingresar na RAG os académicos electos Pegerto Saavedra e Fina
Casalderrey e que permanece baleira a cadeira que deixou Méndez Ferrín.
A elección, segundo a revisión
dos estatutos da Academia aprobada no 2000, farase mediante unha votación
secreta (pódese enviar o voto por correo). O candidato necesita obter a maioría
absoluta dos apoios (14 dos 27 posibles). Se non a consegue no primeiro
reconto, pásase a unha segunda rolda na que xa abonda cunha maioría simple.
Ata 48 horas antes da celebración
do plenario, é dicir, ata o xoves 18, pódense rexistrar outras candidaturas á
presidencia da Academia, algo que, non obstante, semella altamente improbable
nesta ocasión. De feito, esta será a primeira vez desde 1906 en que se
presentan dúas listas diferentes.
O número 12 desde Murguía
O sucesor de Méndez Ferrín
converterase no presidente número doce da Real Academia Galega desde Manuel
Murguía, que foi o primeiro en dirixir a corporación e exerceu o cargo -entón
de carácter vitalicio- ata a súa morte en 1923. A presidencia foi ocupada en
dúas ocasións por Manuel Casás e Eladio Rodríguez e, entre outros, pasaron pola
primeira cadeira da RAG Andrés Martínez Salazar, Francisco Ponte Blanco, Manuel
Lugrís Freire e, xa en tempos máis recentes, Domingo García-Sabell, Francisco
Fernández del Riego e Xosé Ramón Barreiro Fernández.
Coa revisión dos estatutos, o
mandato do presidente da RAG queda limitado a catro anos coa posibilidade de
optar a unha única reelección para un segundo período.
No hay comentarios:
Publicar un comentario