18 abr 2013

bUSCatermos, por fin ao alcance de todos

 
A USC estrea a súa aplicación bUSCatermos para iPhone e iPad

Recolle máis de 450.000 formas lingüísticas e máis de 150.000 conceptos

  Os usuarios de iOS, xa sexa dun iPhone ou dun iPad, xa poden levar no peto unha enorme base de datos con máis de 150.000 conceptos e máis de 450.000 formas lingüísticas de vocabulario das áreas especializadas máis diversas. A Universidade de Santiago e a empresa Sixtema presentaron esta mañá a aplicación bUSCatermos para os dispositivos iOS, unha app gratuita que permite acceso aos contidos da ferramenta universitaria que pode gabarse de ser o recurso lexicográfico máis amplo existente para a lingua galega.

Deste xeito, a aplicación, que xa está completamente operativa, facilitará o traballo para todas as persoas que pretenden empregar o galego como lingua de comunicación en temáticas especializadas mantendo a calidade e a precisión esenciais para este tipo de comunicación. Para cada un dos conceptos compilados recóllense as denominacións máis habituais en galego e na maioría dos casos tamén as empregadas nas linguas do contorno máis inmediato: castelán, inglés e portugués, fundamentalmente.
O bUSCatermos aínda non está dispoñible para outros sistemas operativos como Android ou Blackberry, pero o Servizo de Normalización da Universidade está disposto a colaborar con desenvolvedores que queiran crear outra aplicación.

Fonte: La Voz de Santiago, 
17 de abril de 2013

No hay comentarios: