7 may 2013

O cancioneiro en dixital







Considérase a pedra basilar da recuperación da nosa música tradicional galega. O Cancioneiro popular galego que compilou Dorothé Schubarth coa colaboración de Antón Santamarina supón unha achega inigualable cuxa importancia medra cos anos. Agora, a Fundación Barrié, que a editara orixinalmente, pon na rede unha versión dixital da obra que, de certo, ha supor un grande pulo á súa popularización. Repasamos con músicos do país a importancia deste traballo e o seu impacto na música de raíz.

Dorothé Schubart desempeñaba desde 1971 a cátedra de harmonía e contrapunto na Academia de Música de Lucerna, en Suíza. Desde este posto desenvolvera unha intensa tarefa de investigación da música popular europea, dedicándose especialmente á zona dos Balcáns e do Cáucaso, así coma aos cancioneiros de Alemaña e de Francia. A partir deste material elaborou o volume “O Canto Popular en Europa”, que analizaba as formas que adoptaba a música do pobo ao longo do continente, e que foi publicado en 1978. Nese mesmo ano, durante as súas vacacións, a profesora Schubart visitou España, onde alguén lle indicou que “en Galicia había un folclore moi rico e que era un país moi atrasado e que aquí se podía traballar”, lembra. E acó chegou. Seguindo a súa vocación, comezou a súa colleita segundo entrou no país, polo Cebreiro. Os seus coñecementos sobre a cultura musical galega e sobre a nosa lingua eran mínimos, e axiña se fixo evidente que precisaba de alguén para comprender os temas e transcribilos, e deste xeito entrou en contacto con Antón Santamarina, catedrático de Filoloxía Galega en Santiago de Compostela. 

No hay comentarios: